Wednesday 15 de May de 2024

Centos de veciños e veciñas degustaron máis de 180 quilos de castañas, 150 litros de chocolate e milleiros de churros no magosto de Brión


O Concello de Brión, en colaboración coa asociación de mulleres Xuntanza, celebrou na tarde/noite de onte venres o seu tradicional magosto e chocolatada, que comezou ás sete da tarde e se extendeu ata ben entrada a noite. Durante ese tempo, preto dun milleiro de veciños e veciñas foron pasando pola carpa instalada na carballeira de Santa Minia. A afluencia foi tal que, nos momentos de maior asistencia, todos os aparcadoiros habilitados da contorna quedaron cubertos e mesmo houbo que aparcar a máis dun quilómetro da carballeira.

O tempo acompañou e durante a festa se degustaron algo máis de 180 quilos de castañas asadas, 150 litros de chocolate quente e varios milleiros de churros, que axudaron a quentar o corpo nunha noite fría. A música e o baile correu a cargo dos integrantes da Escola Municipal de Música e Baile Tradicional de Brión, que foron actuando por distintos lugares da carballeira. A maiores había instalada unha pulpería, onde non foron poucos os que aproveitaron tamén para cear (iso si, nestes casos pola súa conta).